viernes, 25 de mayo de 2007

Não senlleira

-Xurxooooooooooooo!!!!
-...
-Xurxooooooooooooooooo!!!!!!!
-mmmmmmmmmmm.
-XURXOOOOOOOOOOO!!!! OU TE LEVANTAS TI OU CHE LEVANTO EU.

Era o mesmo espectáculo de todas as mañás. Sempre a mesma rutina que decorría entre berros e malas miradas. Decidín non forzar máis a situación e , coma se de soldado na batalla se tratase, prepareime para enfrontarme ao inimigo. Era incríbel como aquela voz (que para min xa resultaba isoportábel as 5 da tarde; moito máis se me levantaba da cama) podía pertencer a aquela muller miúda, pequecha, co corpo dunha nena, pero cos ollos marcados polo traballo e a fame.

-Que queres?- atrevinme a preguntar, coma se non fose obvio o que ela quería.
-Ti que cres? Os animais teñen fame, e xa son as nove- dixo coa mesma xenreira de sempre que gardaba especialmente para min.
Naquel momento tiven gañas de replicar que eu tamén tiña fame, mais sabía de certo que nin un molete de pan se achegaría aos meus beizos deica aqueles animais ficaran fartos de comer. Coma se dunha máquina se tratase, dirixinme ao pequeno cortello no que os animais se acubillaban do frío ,un frío estraño para aquel 18 de xullo. Non foi por obediencia, pero a chamada do meu maltratado bandullo podía máis que a fonda aversión que lle gardaba a miña nai.
Botei case toda a mañá cos animais e decateime de porqué era necesario erguerse as 7 da mañá (a nosa casa era das poucas daquela pequena vila que tiña un reloxo de parede): ou te erguías a esa hora ou non almorzabas.

Na miña casa, coma en todas as demais naquela zona, non se comía ata que chegaba o home da casa; para o caso , meu pai. Como aínda faltaban un par de horas para que el volvese decidin ir dar unha volta ata unha lagoa que había preto da vila. Alí adoitaba darme uns chapuzóns durante o verán e , ao mesmo tempo, aproveitar para axexar a un par de mozas “de moral relajada”, como dicía o señor párroco, que se bañaban espidas.
Meu pai era bibliotecario. Sempre dicía que en lugar de ideas na cabeza eu tiña piollos, ríase e dicía a mesma frase: Não senlleira. Nunca cheguei a saber moi ben o seu significado. Era un home de letras, sempre a voltas cos seus libros e coas súas ideas sobre a República. Mamá sempre lle dicía que iso lle traería moitos problemas e insistíalle en que volvese a igrexa, cando menos para que o vise o cura. Mais meu pai non era home de aparentar. Era roxo ,e punto. Como el me dicía:”Xurxiño, as armas máis poderosas están nos libros. Pero tamén as máis perigosas. Debes ter coidado pois cando comezas un libro nunca sabes onde pode acabar”. Eu non entendía nin papa daquilo. Nin quería.

O ceo escomezou a cubrirse de súpeto, de xeito que, case sen me secar, me vestín e fun de volta á casa. Polo camiño sorprendeume un sonido moi pouco familiar. Achegábase tras de min un camión cheo de homes. Cando o camión se achegou o suficiente a min puiden albiscar que todos viñan uniformados do exército, armados e en silencio, coma se fosen ánimas da santa compaña.Non sei se foi o medo a aquela máquina estraña que viña cara min, mais eu agocheime nunha marxe do camiño na procura de acubillo. Sabía que me viran pero, aínda así, eu agocheime. O camión pasou de largo.

Saín do meu agocho e puxen rumbo cara a vila. Algo non ía ben. Cando o ruxeruxe daquel camion calou reinou o silencio naquela vella vila. O medo ulíase no aire. Era como os días nos que morría algún veciño, pero nin sequera os choros das mulleres se escoitaban. Non tardei moito en percorrer o que me faltaba de camiño. Á miña chegada agardábame unha sorpresa. O silencio que asulagaba ao pobo non era tal na miña casa: cinco daqueles homes estaban á porta da miña casa, fusís en alto.

-Onde está?!?!?!-bramou un daqueles homes, e a súa vez rompeu o silencio e semellou que ata o mesmo ceo.
Miña nai non contestou. Tan só choraba, tirada no chan sen saber que facer.
Foi entón cando un daqueles homes se percatou da miña presenza.
Veu onda min e preguntoume:
-Rapaz, coñeces esa muller?-dixo, pero este tiña unha voz moito máis doce, case de encantador de serpes.
-Si,- contestei eu axiña-é miña nai.
-Ven comigo.
Levoume xunto aos outros homes e falou con eles uns segundos. Entón un deles achegóuseme e deume o seu fusil. Eu non comprendía nada. Aquel home acababa de darme o seu fusil a min, a un mozo de quince anos que o máis perigoso que manexara fora o sacho. Eu fiquei quedo, inmóvil como temeroso de que aquel instrumento do diaño se disparase. Entón aquel home virouse e preguntoulle de novo a miña nai:
-Por derradeira vez: onde está o seu marido?
Non atopou resposta. Miña nai tan só choraba, agora con máis folgos, por me ver naquela situación. O home que me dera o fusil colleu o dun dos seus compañeiros cargouno e apuntoume.
-Dispáralle-díxome con voz firme.
Eu permanecín quedo, sen entender verdadeiramente o que aquel home quería de min.
-Dispáralle-repetíu máis alto-. Será ou ti ou ela-dixo mentres comezaba a achegarse cara a min.

Non cabía dúbida, aquel home quería que matase a miña nai. Entón comezou a contar, alto e claro:
-TRES, DOUS, UN...
Como un acto reflexo apuntei a miña nai e dixen:
- Mama... não senlleira.
E disparei. O proxectil saíu disparado cara a ela e entón... espertei. Estaba na miña cama mollado en suor e nos meus propios mexos. Erguinme de súpeto e fun mirar o grande reloxo de parede que tiñamos. Eran as doce da mañá do 18 de xullo de 1936. Baixei á cociña coma un raio e atopei a miña nai e a meu pai sentados na mesa da cociña darredor da radio. Aquela radio vella, case rota, rosmaba:
-Varios generales del ejército se han rebelado contra la República...


Para Mela e Helena.

1 comentario:

Alberto dijo...

Gustoume moito este relato, vexo que non baixas o nivel, se non todo o contrario.

E, noutra orde de cousas, cómo foi EDI? Non sei se sabes que xa están postas as notas das prácticas de EDI e de estatística.

Un saúdo e perdoa se teño algunha falta de ortojrafía ;)