viernes, 25 de mayo de 2007

Boel


Boel naceu e medrou na terra, coma as patacas. Non pertence a ninguén pois ninguén ten a quen pertencer. Forma parte da natureza como os pardais, as bolboretas ou as andoriñas. E é que Boel está só neste mundo. Seu pai morrera na guerra. Súa nai, triste e soa, fora murchando co tempo como murchan as flores no outono, ata que a morte a levou nos seus brazos. Mais Boel era un neno ledo, un neno soñador, que grazas ao seu maxín era o home máis rico do mundo.

Para gañar o pan Boel facía de recadeiro: que se unha compra por aquí, que se vai avisar a fulano por acolá, que se lévame estas zocas para que as arranxen... sempre estaba a correr. De tanto andar ás carreiras, os demais nenos da vila deron en chamalo Boel “o bule-bule”. Boel non facía caso das burlas dos demais, pero no máis fondo da súa alma doíalle que os nenos da vila –con aquel aire de señoritos fachendosos- risen del porque sempre levaba os mesmos pantalóns rachados. Pois Boel, meus amigos, era pobre. Tan pobre era que non tiña para xoguetes. Facía das rochas do campo os seus instrumentos, das formigas e os paxaros os seus compañeiros de xogo; a natureza sempre cómplice e confidente do neno.

Un día chegou ás mans de Boel unha pelota. Atopáraa na horta do señor cura, mentres estaba a buscar algunha froita que botarlle ao seu maltratado bandullo. Era vermella con debuxos de porterías. Para el non podía haber maior felicidade que aquela pois Boel sempre quixo ser futbolista. Soñaba con xogar nun gran equipo, a carón daqueles brasileiros que saían nos xornais que atopaba tirados no lixo. E foi aquela pelota a súa felicidade durante moito tempo, tesouro para el moi prezado coa que fachendeaba diante de todos aqueles señoritos da vila, que podían mercar pelotas mellores ca súa, pero nunca tan fermosas.

Cando Boel xogaba coa súa pelota o tempo permanecía quedo, os paxaros á espreita, tristes pola perda do seu compañeiro de xogo. E entón deixaba voar o seu maxín. E imaxinábase ao carón daqueles brasileiros, marcando goles nos mellores estadios do mundo, e imaxinábase gañando a copa do mundo e todos aqueles fermosos trofeos. Levábao despois o seu maxín a mesas reais onde tiña comida ata fartar e podía mirar por encima do ombreiro a todos os demais nenos da vila. E imaxinábase entón voando por todo o mundo e coñecía fermosos lugares, verdes campos e inmensos mares, grandes chairas e brancas montañas. E se seguía a xogar coa súa pelota o maxín de Boel levábao á mesma Lúa, e viaxaba polas estrelas e máis ala, onde nin sequera os aparatos dos americanos podían ver. E imaxinaba entón que súa nai estaba con el, aquela mulleriña miúda que tantos agarimos lle regalara nos seus anos de nenez. O seu maxín facíao o home máis feliz, feliz como os pardais do campo, pensaba el.

E pasou o tempo, primavera, verán e outono fuxiron para dar paso ao inverno. A Boel non lle gustaba o inverno, pois as andoriñas e os pardais agochábanse e el non tiña con quen xogar. O inverno enchíalle o corazón de tristura pero esta vez el tiña a súa pelota. Mais viñeron uns días de chuvia e frío e non puido saír do seu acubillo para xogar na rúa.Agochouse nun pequeno recuncho dunha das cortes dun cacique do lugar, que estaba sempre moi ocupado e non ía nunca por alí. Comezou entón a murchar como murchara súa nai, e aqueles ollos perderon o seu brillo. O “bule-bule” xa non bulía. A cor comezou a marcharlle das fazulas e quen un día fora un neno semellaba agora un home esmagado polas preocupacións e as penurias que a súa ánima arrastraba. Boel xa non xogaba coa súa pelota, nin o seu maxín o levaba voando por todo o mundo.

Fuxiu entón unha noite de estrelas a súa alma, camiño dun lugar mellor. Ninguén se decatou da súa falta ata que un mes máis tarde ao cacique lle dou por volver na procura dun arado vello que alí gardaba. Ó abrir o grande portalón atopouse con aquel macabro espectáculo: o esqueleto do neno, recostado nun curruncho e agarrado a súa pelota.

Foi o xuíz e mandou que ao neno se lle fixese a autopsia. Levaron os poucos ósos que quedaban a Santiago e os médicos dixeron que morrera de fame. O propio cacique pagou o enterro –aínda que Boel nunca fora moi amigo de ir a misa- e din os vellos que cando o ían soterrar o párroco lle dixo os veciños que era unha vergoña para todos que o neno morrera de fame. Foi entón cando un daqueles nenos fachendosos se adiantou, mirouno de arriba a abaixo e díxolle:

-Non señor cura non, Boel non morreu de fame. Boel morreu de tristura.



Para David e Álex, por todo o que vos aprecio. Para Fer e Fran, porque sodes a ostia. Para a recén ida Rocío, tan "aspacial". A Iago, Ja, Dani e Jose, porque aínda me queda xente da súa calidade humana por descubrir. E a todos aqueles que,tan só coa súa compaña, axudaron a facer a miña vida un pouco máis feliz.

1 comentario:

Alberto dijo...

Muchas gracias por la dedicatoria, la verdad es que no me la esperaba.
Creo que es la primera vez que me dedican algo así.

¿Para cuándo un relato en castellano? jeje

Salu2