viernes, 29 de febrero de 2008

De idas e partidas

Benqueridos lectores:

   Xa levaba ben tempo sen publicar nada neste meu blog. Que non escribise nada debeuse máis á miña propia desidia que á perda da musa ou o interés pola verba escrita. Quixo o meu sino que fosen as desgracias e a tristeza as que me forzaran a darlle saída de novo aos meus sentimentos (coma case sempre) en verso, se ben non erudito nin axeitado, si cando menos sincero.

   Non pretendo poñerme no lugar de Dani, Alba ou Iago, pois non pode o meu humilde entendemento comprender o que eles senten, pero si quero con isto amosar o meu apoio 
e respeto a tres persoas que admiro e das que estou a aprender tantas cousas. Isto vai por ti Belesar, por ti Claudina e por a tía de Iago, porque agardo que estedes no mesmo sitio no que nacen os meus versos.

-Onde os pensamentos viven-

Onde as almas sempre morren,
de soidade en compañía,
onde os soños nunca espertan
do soño que é súa vida.

Onde a noite se fai día
onde a morte se suicida,
berra por sempre un silencio,
chora comigo a ledicia.

Onde se atopa o perdido,
xamais volve o que foi ido,
onde nacen teus desexos
no odio do máis querido.

Onde os días son escuros,
e danza a noite coa lúa,
espera o tempo ao futuro
aos versos do máis profundo.

Alí estarei por sempre,
agardando a túa chegada,
alí morarán meus soños,
alí vivirá a miña alma.