miércoles, 3 de diciembre de 2008

De ausencias e dedicatorias

Tanto tempo levaba abandonado este meu blog que en ocasións cheguei a dubidar de se existía realmente, ou era máis ben unha creación máis do meu maxín. Despois de o ter tan abandonado propúxenme a min mesmo retomalo, senón mellor ca antes, si cando menos con máis forza. O motivo desta entrada non é máis que pedir desculpas por abandonar este meu recuncho de alma, e dar as gracias a todas aquelas persoas que me acompañaron estos últimos meses. Sen eles eu non sería quen son, aínda que en ocasións (ao igual que pasou co blog)non esté moi certo da miña propia existencia. Por iso, a miña última poesía vai para todos vós:


-Para David, porque tes o corazón máis grande do mundo e non che esquezo.
-Para Iago, porque me enseñas cada día unha cousa e me sacas un sorriso con só verche.
-Para Cristian, porque hai que ter un valor inmenso para contar o que contaches, porque confiaches en min e porque me ensinaches moito de como afrontar o malo da vida.
-Para Mari Tere
(alias Rosana) e Gabriel , porque con eles pasei o que posiblemente foi o mellor mes da miña vida.
-Para Pedro, porque traballar con xente coma ti fai máis agradable o traballo.
-Para Jose Alberto, porque despois de coñecelo (e aprecialo e admiralo) tanto, aínda non sei se chamarlle Jose ou chamarlle Alberto.
-Para Juan Ángel, porque, aínda que non entendas esta galego-dedicatoria, sempre me escoitas cando o preciso.
-Para Gerardo, por apreciarme o suficiente como para gastar o teu tempo botándome as broncas que me merezo.
-Para Rocío, porque eres tan aspacial que me fas rir cada vez que estou contigo.
-Para Alejandro Velo, por ser un deses nenos que poden cambiar o mundo e porque me fixeches sentir orgulloso de min mesmo.

Verbas dun morto en vida

Viven os meus sentimentos

nas sombras, na tempestade,

calan as miñas palabras

nas rúas da gran cidade.

Murcha a miña ledicia,

pérdese a miña alma,

morren estes meus ollos,

apágaseme a mirada.

Cantan as miñas bágoas

versos xamais escritos,

cantan, rosman, e eu choro

polo que xa foi perdido.

Escoita o meu corazón

o que o oído xamais oe,

escoita os suaves murmurios

de quen en vida xa morre.

viernes, 29 de febrero de 2008

De idas e partidas

Benqueridos lectores:

   Xa levaba ben tempo sen publicar nada neste meu blog. Que non escribise nada debeuse máis á miña propia desidia que á perda da musa ou o interés pola verba escrita. Quixo o meu sino que fosen as desgracias e a tristeza as que me forzaran a darlle saída de novo aos meus sentimentos (coma case sempre) en verso, se ben non erudito nin axeitado, si cando menos sincero.

   Non pretendo poñerme no lugar de Dani, Alba ou Iago, pois non pode o meu humilde entendemento comprender o que eles senten, pero si quero con isto amosar o meu apoio 
e respeto a tres persoas que admiro e das que estou a aprender tantas cousas. Isto vai por ti Belesar, por ti Claudina e por a tía de Iago, porque agardo que estedes no mesmo sitio no que nacen os meus versos.

-Onde os pensamentos viven-

Onde as almas sempre morren,
de soidade en compañía,
onde os soños nunca espertan
do soño que é súa vida.

Onde a noite se fai día
onde a morte se suicida,
berra por sempre un silencio,
chora comigo a ledicia.

Onde se atopa o perdido,
xamais volve o que foi ido,
onde nacen teus desexos
no odio do máis querido.

Onde os días son escuros,
e danza a noite coa lúa,
espera o tempo ao futuro
aos versos do máis profundo.

Alí estarei por sempre,
agardando a túa chegada,
alí morarán meus soños,
alí vivirá a miña alma.

viernes, 31 de agosto de 2007

Murmurios do vento

Do que un día foi dio

e que agora é deixado;

do que rosman os ventos,

nunca ben escoitados;

do lamento da terra

aos ouveos do raposo;

das cantigas de bruxas

aos lamentos do pobo.

Da terriña en fin qu’eu quero

da que moitos xa marcharon,

prados, frores e arboredas,

verdes cumios dos carballos.

Chora miña terra, chora,

sexan túas bágoas ríos.

Chora fogar dos deuses

por ver morrer os teus fillos.

A Dani, porque él me impulsou a seguir escribindo

cando xa non quería e me demostrou que cando non queres

facelo é cando máis cousas tes pra contar.

martes, 12 de junio de 2007

Dos amigos

Ós amigos que están fora

eu quero escribir un cantar,

e ós que se quedaron comigo,

e ós que nunca han de marchar.

Eu quero escribir estas verbas

e así eu lles quero dar

todo o que eles me deron,

que por sempre hei de gardar.

Eu quero escribir para aqueles

que me queiran escoitar,

para que sempre me lembren

como eu os hei lembrar.

Eu quero escribir ás persoas

que con nós xa non están

e que saiban onde vivan

que non as hei olvidar.

Ós que un día foron amigos

tamén eu lles quero cantar,

para dicirlles desde a ialma

que me saiban perdoar.

Eu quero escribirlles a todos,

amigos ou non, dáme igual,

pois quero deixar de lembranza

este pequeno cantar.

Eu quero escribirvos a todos,

como xa o fixo Pondal,

versos no fermoso galego

do monótono fungar.

miércoles, 30 de mayo de 2007

Eu tamén lof maiself

Benqueridos lectores tédesme que desculpar: namoreime de min mesmo. Si,si, é certo. Pois é que agora vai resultar que escribo ben e todo (ou iso é o que din os eruditos na materia).
Estaredes a preguntar a que ven este exercicio de egocentrismo absoluto. Todo ten unha explicación. Non hai moito presentei algún dos meus escritos, que agora todos podedes ler aquí, a un concurso de narrativa e poesía. Xa vedes, a desvergonza dos ignorantes empúxanos ata o punto de crer que o que facemos é bó. Pero máis estraño aínda é que gañei. Por iso
eu tamén lof maiself, por que yo lo valgo ou calquera frase descafeinada que se vos ocurra para definir ese estado no que (un ignorante feliz coma min) comeza a sentirse orgulloso do que fai en moito tempo.O meu blog estame a abrir novas portas ao mundo,a novos lectores, a novas opinións.
Este premio non o gañei eu, senón todos aqueles que, agora máis que nunca, me animaron a seguir escribindo cando eu xa perdera as ganas de seguir vivindo. Que os meus escritos sigan entretendo a aqueles que teñan a ousadía de adicarlle 5 minutos da súa vida.

O Choroso


-A noite envolve meu día,

e Furia matou a Paz,
matou Tristura o Contento,
¡ai, Choroso, sen fogar!
Afunden meus pensamentos,
afunden na Soidade,
n’hai luz, nin día, nin nada
que se leve á Escuridade.

-Choroso, ¿de que te agochas?
Choroso, ¿onde é que estás?
Mozo da ialma perdida,
¿por que é tan grande o Pesar?

-Son os recordos Soidade,
e as lembranzas dos amigos,
son tristuras do pasado
que sempre levo comigo.

-Pois se os recordos te seguen, Choroso,
non tes onde te agochar,
tan só Morte é agocho
do que nunca has retornar.

- Soidade, amiga da Morte,
chámaa, que veña xa,
que remate o sufrimento,
que se leve meu Pesar.

- Grande é túa Loucura,
non es dono do teu siso,
¿que debo facer meu amigo
pra que volva teu sorriso?

- Nada podes facer xa agora,
tan só déixame partir,
pois esta xa non é a forma
na que eu quero vivir.
Non quero máis longas noites
nin máis loucuras tecer
non quero máis tenras bágoas
tan só a Morte é meu querer.

A Helena, Marieta, David, Álex, Rocío, Mónica e Pachi, porque entre todos estades a conseguir que o Choroso recobre o sorriso.