miércoles, 30 de mayo de 2007

Eu tamén lof maiself

Benqueridos lectores tédesme que desculpar: namoreime de min mesmo. Si,si, é certo. Pois é que agora vai resultar que escribo ben e todo (ou iso é o que din os eruditos na materia).
Estaredes a preguntar a que ven este exercicio de egocentrismo absoluto. Todo ten unha explicación. Non hai moito presentei algún dos meus escritos, que agora todos podedes ler aquí, a un concurso de narrativa e poesía. Xa vedes, a desvergonza dos ignorantes empúxanos ata o punto de crer que o que facemos é bó. Pero máis estraño aínda é que gañei. Por iso
eu tamén lof maiself, por que yo lo valgo ou calquera frase descafeinada que se vos ocurra para definir ese estado no que (un ignorante feliz coma min) comeza a sentirse orgulloso do que fai en moito tempo.O meu blog estame a abrir novas portas ao mundo,a novos lectores, a novas opinións.
Este premio non o gañei eu, senón todos aqueles que, agora máis que nunca, me animaron a seguir escribindo cando eu xa perdera as ganas de seguir vivindo. Que os meus escritos sigan entretendo a aqueles que teñan a ousadía de adicarlle 5 minutos da súa vida.

O Choroso


-A noite envolve meu día,

e Furia matou a Paz,
matou Tristura o Contento,
¡ai, Choroso, sen fogar!
Afunden meus pensamentos,
afunden na Soidade,
n’hai luz, nin día, nin nada
que se leve á Escuridade.

-Choroso, ¿de que te agochas?
Choroso, ¿onde é que estás?
Mozo da ialma perdida,
¿por que é tan grande o Pesar?

-Son os recordos Soidade,
e as lembranzas dos amigos,
son tristuras do pasado
que sempre levo comigo.

-Pois se os recordos te seguen, Choroso,
non tes onde te agochar,
tan só Morte é agocho
do que nunca has retornar.

- Soidade, amiga da Morte,
chámaa, que veña xa,
que remate o sufrimento,
que se leve meu Pesar.

- Grande é túa Loucura,
non es dono do teu siso,
¿que debo facer meu amigo
pra que volva teu sorriso?

- Nada podes facer xa agora,
tan só déixame partir,
pois esta xa non é a forma
na que eu quero vivir.
Non quero máis longas noites
nin máis loucuras tecer
non quero máis tenras bágoas
tan só a Morte é meu querer.

A Helena, Marieta, David, Álex, Rocío, Mónica e Pachi, porque entre todos estades a conseguir que o Choroso recobre o sorriso.

lunes, 28 de mayo de 2007

Luces de esperanza

-Luces de esperanza-

Escuros foron os últimos días

i escuros son os pensamentos,

escuras serán miñas bágoas,

afogo do meu contento.


Tristes bágoas do choroso

que sofre de soidade,

lembranzas deste meu siso

perdido na gran cidade.


Mais n’ hai tempestade sen calma

nin hai gaivotas sen mar,

nin o tibio solpor engana

o grande que é meu pesar.


Longos serán os camiños

e as voltas que eu hei dar

máis lixeiros serán meus pasos

se ti ó meu carón estás.


Teu sorriso é a ledicia

que alumea o meu andar.

Túa mirada é esperanza

dos tempos que van chegar.


Hai unha luz de esperanza

que loce na escuridade,

pois tes presa miña ialma

polas cordas da amizade.

-Luces de esperanza-


A Pachi, porque quero ser

a súa luz de esperanza.

Terra de emigrantes

Doces solpores de ouro
con longas praias de prata,
verdes castros de pedra vella
e auga de cor esmeralda.

Fogar de bruxas e meigas
terriña da miña alma,
marco de antigas lendas,
nai que os seus fillos agarda.

Casiña que eu quero tanto,
noites brancas de luar,
ventos cargados de historias,
filla do vento e do mar.

Galiza terra de emigrantes,
grande fogar de Breogán,
tristes choros das gaivotas
que da terra han de marchar.

Triste suspiro de mariñeiro
en noites de tempestade,
triste o das viudas dos vivos
que morren de soidade.

Galiza fogar dos tristes,
humilde pobo de mar,
fogar de grandes poetas
de Rosalía e Pondal.

Esperta adorada Galiza
e abandona o teu pesar,
esperta fogar dos meu soños,
miña casiña, meu lar.


A Mela e a Helena, por espertar en min a paixón galega.
A Pablo(ESF), porque me esquecín de ti e non era xusto.
E agora máis que nunca, a Ja, porque eres a ostia.... e punto.

domingo, 27 de mayo de 2007

Viaxe a ningunha parte

Agora xa está todo en silencio

confusión de palabras e Santas Compañas

que a noite agocha nos adentros.

Sorrisos da Morte que saúda

macabra danza dos dous namorados,

que se funden entre amor e bágoas.

Latexos dun corazón xa canso da vida

que no entre lusco e fusco se esvaece

e agarda, soamente agarda.

Alborada dá comezo á viaxe;

triste partida da alma amada,

eterno descanso de prata.

E viu a morte nun leito de rosas,

fiel compañeira a soidade

na súa viaxe cara a ningunha parte.

Levouna Escuridade do seu leito,

procura do que hai tempo marchara

a equipaxe: saudades, bágoas... mil lembranzas.

Descansa xa agora por sempre

os longos anos da súa triste vida

os poucos segundos dunha feliz morte.


Para as dúas Tamaras da miña vida.

Entre vento e cinzas


O día fíxose noite
e a noite máis noite foi.
Escuro sepulcro de lume
pra terra do meu amor.

Nai miña, por que murchaches
e ao sol xa non te amosas?
Tinguida de belas cores,
antiga, mais si, fermosa.

Negra é agora túa alma
e a túa face cinzas son,
escuros son os teus ollos,
tristes árbores sen flor.

Non hai versos do poeta
que xa fagan renacer
cinzas, po, tan so negrura,
que antes eran meu pracer.

Non hai beleza na escuridade,
que asolaga miña terra
tan so bágoas dos labregos
que de novo foxen dela.

Mais, pra min, adorada Galiza
a que nunca eu hei deixar,
anque negros sexan teus ollos
por sempre serás meu lar.



A todos aqueles aos que o lume lle ennegreceu a vista pero non a esperanza

viernes, 25 de mayo de 2007

A Dama e o Galán

Xa moitos anos pasaron do que vos quero contar

Xa moitos anos pasaron do que vos quero contar

xa moitas veces choraron a Dama e mailo Galán

contos de tempos antigos que nunca han de mudar

amores que aínda viven e nunca van rematar.


Comeza aquí esta historia coa Dama e a súa irmá

sentadas as dúas xuntas, fermosas á beira do mar.

Achegouse a irmá a princesa, dispúxose a preguntar:

- Por que choras aquí soa, luz de toda mañá?


- Choro porque me falta a vida, choro porque me falta o ar

choro porque me falta o amado, o benquerido Galán.


-Non son tempos de guerra e non hai barcos no mar,

ten que ser mariñeiro o teu alto Galán.

Ti es filla de reis e o mundo has de herdar,

como podes darlle a vida a un home de mar?


-Podo miña irmá podo, ninguén mo ha de quitar,

que eu o amor lle entregue ao meu grande capitán.


-Pecha a boca irmá infame, xa non sigas a falar

puta serás e non dama se o que dis vas realizar.


-Non ten terras nin ten reinos, non ten nada pra me dar,

pero del é a miña vida, a miña alma, o meu ar.


-De que falas descastada, irmá tan pouco cabal?

Quen che roubou o siso, foi o teu alto Galán?


-Longas noites chorei sumida no meu pesar,

el como un anxo chegou, devolveume a liberdá

presa da vida era en un castelo real

agora ceibe cal gaivota pode a miña alma voar.


-Pecha a boca miña irmá, xa non te podo escoitar

pois ti naciches con home e con el has de casar

é fillo do rei de Francia e grande poder terá

príncipe Artur e seu nome, nada de alto Galán.


Marchou entonces a irmá e con Artur foi falar

desatouse a súa ira, home de moita maldá.

Partiu a pequena vila procura do alto Galán

xa na súa casoupa irrompeu espada en man.


-Deféndete malnacido pois a vida heiche quitar.

Non ha de ser mariñeiro o que o trono ocupará.


Non era home de loita que el era un lobo de mar

mais doulle morte a Artur, fillo de moi nobres pais.

Pagou un moi alto prezo por aquel home atacar,

ficou ferido de morte a beira do príncipe e o mar


E xuntos os atoparon homes da corte real

príncipe e mariñeiro mortos de igual a igual.


Grande enterro lle fixeron a aquel príncipe, home de incrible maldá

máis o alto Galán era pobre non se podía enterrar

collérono entre dous homes e tirárono ao seu mar.

Alí permanece aínda, na profunda soidá

señor dos abismos é agora onde sempre ha de mandar.


Mais que pasou coa alta Dama estaredes a preguntar.

Contas as vellas lendas xa non sei se hei de lembrar

que un día se volveu tola e se lanzou cara o mar.

Non se quedou calada e doulle tempo a berrar:


-Lévame agora contigo, xa non me deixes quedar

pois se xa che amaba en vida máis na morte che hei de amar.

Para os meus nenos do María Pita




Não senlleira

-Xurxooooooooooooo!!!!
-...
-Xurxooooooooooooooooo!!!!!!!
-mmmmmmmmmmm.
-XURXOOOOOOOOOOO!!!! OU TE LEVANTAS TI OU CHE LEVANTO EU.

Era o mesmo espectáculo de todas as mañás. Sempre a mesma rutina que decorría entre berros e malas miradas. Decidín non forzar máis a situación e , coma se de soldado na batalla se tratase, prepareime para enfrontarme ao inimigo. Era incríbel como aquela voz (que para min xa resultaba isoportábel as 5 da tarde; moito máis se me levantaba da cama) podía pertencer a aquela muller miúda, pequecha, co corpo dunha nena, pero cos ollos marcados polo traballo e a fame.

-Que queres?- atrevinme a preguntar, coma se non fose obvio o que ela quería.
-Ti que cres? Os animais teñen fame, e xa son as nove- dixo coa mesma xenreira de sempre que gardaba especialmente para min.
Naquel momento tiven gañas de replicar que eu tamén tiña fame, mais sabía de certo que nin un molete de pan se achegaría aos meus beizos deica aqueles animais ficaran fartos de comer. Coma se dunha máquina se tratase, dirixinme ao pequeno cortello no que os animais se acubillaban do frío ,un frío estraño para aquel 18 de xullo. Non foi por obediencia, pero a chamada do meu maltratado bandullo podía máis que a fonda aversión que lle gardaba a miña nai.
Botei case toda a mañá cos animais e decateime de porqué era necesario erguerse as 7 da mañá (a nosa casa era das poucas daquela pequena vila que tiña un reloxo de parede): ou te erguías a esa hora ou non almorzabas.

Na miña casa, coma en todas as demais naquela zona, non se comía ata que chegaba o home da casa; para o caso , meu pai. Como aínda faltaban un par de horas para que el volvese decidin ir dar unha volta ata unha lagoa que había preto da vila. Alí adoitaba darme uns chapuzóns durante o verán e , ao mesmo tempo, aproveitar para axexar a un par de mozas “de moral relajada”, como dicía o señor párroco, que se bañaban espidas.
Meu pai era bibliotecario. Sempre dicía que en lugar de ideas na cabeza eu tiña piollos, ríase e dicía a mesma frase: Não senlleira. Nunca cheguei a saber moi ben o seu significado. Era un home de letras, sempre a voltas cos seus libros e coas súas ideas sobre a República. Mamá sempre lle dicía que iso lle traería moitos problemas e insistíalle en que volvese a igrexa, cando menos para que o vise o cura. Mais meu pai non era home de aparentar. Era roxo ,e punto. Como el me dicía:”Xurxiño, as armas máis poderosas están nos libros. Pero tamén as máis perigosas. Debes ter coidado pois cando comezas un libro nunca sabes onde pode acabar”. Eu non entendía nin papa daquilo. Nin quería.

O ceo escomezou a cubrirse de súpeto, de xeito que, case sen me secar, me vestín e fun de volta á casa. Polo camiño sorprendeume un sonido moi pouco familiar. Achegábase tras de min un camión cheo de homes. Cando o camión se achegou o suficiente a min puiden albiscar que todos viñan uniformados do exército, armados e en silencio, coma se fosen ánimas da santa compaña.Non sei se foi o medo a aquela máquina estraña que viña cara min, mais eu agocheime nunha marxe do camiño na procura de acubillo. Sabía que me viran pero, aínda así, eu agocheime. O camión pasou de largo.

Saín do meu agocho e puxen rumbo cara a vila. Algo non ía ben. Cando o ruxeruxe daquel camion calou reinou o silencio naquela vella vila. O medo ulíase no aire. Era como os días nos que morría algún veciño, pero nin sequera os choros das mulleres se escoitaban. Non tardei moito en percorrer o que me faltaba de camiño. Á miña chegada agardábame unha sorpresa. O silencio que asulagaba ao pobo non era tal na miña casa: cinco daqueles homes estaban á porta da miña casa, fusís en alto.

-Onde está?!?!?!-bramou un daqueles homes, e a súa vez rompeu o silencio e semellou que ata o mesmo ceo.
Miña nai non contestou. Tan só choraba, tirada no chan sen saber que facer.
Foi entón cando un daqueles homes se percatou da miña presenza.
Veu onda min e preguntoume:
-Rapaz, coñeces esa muller?-dixo, pero este tiña unha voz moito máis doce, case de encantador de serpes.
-Si,- contestei eu axiña-é miña nai.
-Ven comigo.
Levoume xunto aos outros homes e falou con eles uns segundos. Entón un deles achegóuseme e deume o seu fusil. Eu non comprendía nada. Aquel home acababa de darme o seu fusil a min, a un mozo de quince anos que o máis perigoso que manexara fora o sacho. Eu fiquei quedo, inmóvil como temeroso de que aquel instrumento do diaño se disparase. Entón aquel home virouse e preguntoulle de novo a miña nai:
-Por derradeira vez: onde está o seu marido?
Non atopou resposta. Miña nai tan só choraba, agora con máis folgos, por me ver naquela situación. O home que me dera o fusil colleu o dun dos seus compañeiros cargouno e apuntoume.
-Dispáralle-díxome con voz firme.
Eu permanecín quedo, sen entender verdadeiramente o que aquel home quería de min.
-Dispáralle-repetíu máis alto-. Será ou ti ou ela-dixo mentres comezaba a achegarse cara a min.

Non cabía dúbida, aquel home quería que matase a miña nai. Entón comezou a contar, alto e claro:
-TRES, DOUS, UN...
Como un acto reflexo apuntei a miña nai e dixen:
- Mama... não senlleira.
E disparei. O proxectil saíu disparado cara a ela e entón... espertei. Estaba na miña cama mollado en suor e nos meus propios mexos. Erguinme de súpeto e fun mirar o grande reloxo de parede que tiñamos. Eran as doce da mañá do 18 de xullo de 1936. Baixei á cociña coma un raio e atopei a miña nai e a meu pai sentados na mesa da cociña darredor da radio. Aquela radio vella, case rota, rosmaba:
-Varios generales del ejército se han rebelado contra la República...


Para Mela e Helena.

Boel


Boel naceu e medrou na terra, coma as patacas. Non pertence a ninguén pois ninguén ten a quen pertencer. Forma parte da natureza como os pardais, as bolboretas ou as andoriñas. E é que Boel está só neste mundo. Seu pai morrera na guerra. Súa nai, triste e soa, fora murchando co tempo como murchan as flores no outono, ata que a morte a levou nos seus brazos. Mais Boel era un neno ledo, un neno soñador, que grazas ao seu maxín era o home máis rico do mundo.

Para gañar o pan Boel facía de recadeiro: que se unha compra por aquí, que se vai avisar a fulano por acolá, que se lévame estas zocas para que as arranxen... sempre estaba a correr. De tanto andar ás carreiras, os demais nenos da vila deron en chamalo Boel “o bule-bule”. Boel non facía caso das burlas dos demais, pero no máis fondo da súa alma doíalle que os nenos da vila –con aquel aire de señoritos fachendosos- risen del porque sempre levaba os mesmos pantalóns rachados. Pois Boel, meus amigos, era pobre. Tan pobre era que non tiña para xoguetes. Facía das rochas do campo os seus instrumentos, das formigas e os paxaros os seus compañeiros de xogo; a natureza sempre cómplice e confidente do neno.

Un día chegou ás mans de Boel unha pelota. Atopáraa na horta do señor cura, mentres estaba a buscar algunha froita que botarlle ao seu maltratado bandullo. Era vermella con debuxos de porterías. Para el non podía haber maior felicidade que aquela pois Boel sempre quixo ser futbolista. Soñaba con xogar nun gran equipo, a carón daqueles brasileiros que saían nos xornais que atopaba tirados no lixo. E foi aquela pelota a súa felicidade durante moito tempo, tesouro para el moi prezado coa que fachendeaba diante de todos aqueles señoritos da vila, que podían mercar pelotas mellores ca súa, pero nunca tan fermosas.

Cando Boel xogaba coa súa pelota o tempo permanecía quedo, os paxaros á espreita, tristes pola perda do seu compañeiro de xogo. E entón deixaba voar o seu maxín. E imaxinábase ao carón daqueles brasileiros, marcando goles nos mellores estadios do mundo, e imaxinábase gañando a copa do mundo e todos aqueles fermosos trofeos. Levábao despois o seu maxín a mesas reais onde tiña comida ata fartar e podía mirar por encima do ombreiro a todos os demais nenos da vila. E imaxinábase entón voando por todo o mundo e coñecía fermosos lugares, verdes campos e inmensos mares, grandes chairas e brancas montañas. E se seguía a xogar coa súa pelota o maxín de Boel levábao á mesma Lúa, e viaxaba polas estrelas e máis ala, onde nin sequera os aparatos dos americanos podían ver. E imaxinaba entón que súa nai estaba con el, aquela mulleriña miúda que tantos agarimos lle regalara nos seus anos de nenez. O seu maxín facíao o home máis feliz, feliz como os pardais do campo, pensaba el.

E pasou o tempo, primavera, verán e outono fuxiron para dar paso ao inverno. A Boel non lle gustaba o inverno, pois as andoriñas e os pardais agochábanse e el non tiña con quen xogar. O inverno enchíalle o corazón de tristura pero esta vez el tiña a súa pelota. Mais viñeron uns días de chuvia e frío e non puido saír do seu acubillo para xogar na rúa.Agochouse nun pequeno recuncho dunha das cortes dun cacique do lugar, que estaba sempre moi ocupado e non ía nunca por alí. Comezou entón a murchar como murchara súa nai, e aqueles ollos perderon o seu brillo. O “bule-bule” xa non bulía. A cor comezou a marcharlle das fazulas e quen un día fora un neno semellaba agora un home esmagado polas preocupacións e as penurias que a súa ánima arrastraba. Boel xa non xogaba coa súa pelota, nin o seu maxín o levaba voando por todo o mundo.

Fuxiu entón unha noite de estrelas a súa alma, camiño dun lugar mellor. Ninguén se decatou da súa falta ata que un mes máis tarde ao cacique lle dou por volver na procura dun arado vello que alí gardaba. Ó abrir o grande portalón atopouse con aquel macabro espectáculo: o esqueleto do neno, recostado nun curruncho e agarrado a súa pelota.

Foi o xuíz e mandou que ao neno se lle fixese a autopsia. Levaron os poucos ósos que quedaban a Santiago e os médicos dixeron que morrera de fame. O propio cacique pagou o enterro –aínda que Boel nunca fora moi amigo de ir a misa- e din os vellos que cando o ían soterrar o párroco lle dixo os veciños que era unha vergoña para todos que o neno morrera de fame. Foi entón cando un daqueles nenos fachendosos se adiantou, mirouno de arriba a abaixo e díxolle:

-Non señor cura non, Boel non morreu de fame. Boel morreu de tristura.



Para David e Álex, por todo o que vos aprecio. Para Fer e Fran, porque sodes a ostia. Para a recén ida Rocío, tan "aspacial". A Iago, Ja, Dani e Jose, porque aínda me queda xente da súa calidade humana por descubrir. E a todos aqueles que,tan só coa súa compaña, axudaron a facer a miña vida un pouco máis feliz.

Do íntimo

Os máis achegados a min xa coñecen a miña outra labor de escritor. Para aqueles aos que lles gusten as cousas sinxelas, aquí van unhas cantas en forma de poesía e algún pequeno relato.

Historia dun comezo

Eu nacín e medrei na terra, coma as patacas. Esa terriña que todos levamos no máis fondo de nós. Foi esa chamada da Galiza nai (e tamén, como non, os degoiros de escritura que en min espertaron as sempre axeitadas verbas de Dani, o meu bloggero preferido) a que me afastou da inhumanidade de uns e ceros que decote me arrodea. Para os que aínda non me coñezades o meu nome... non ten importancia. Pois neste recuncho da rede non importa quen sexas, senón o que sintas.
Agardo que os meus versos ,enxebres ou non, vos axuden como o fixeron comigo, ou cando menos vos divirtan. Son para min fusión de sentimento e palabras,poida que non moi boas, pero que veñen do máis fondo de min.
E iso ten que ser un bó comezo.